Os alumnos do Colexio PP. Somascos da Guarda – Fundación Educere–, puxeron en marcha este venres 1 de decembro a «Operación quilo-litro», unha campaña de recollida de alimentos e produtos de hixiene para os máis necesitados da nosa comarca. Esta campaña, realizada en colaboración coa Asociación San Vicente de Paúl, rematará o 21 de decembro, ao final da primeira avaliación, previa ao Nadal. Nin que dicir ten que esta operación quilo-litro dos Somascos é xa un sinal de identidade do noso colexio, arrancando sempre en paralelo ao Advento, un tempo litúrxico de preparación para o nacemento de Xesús; un tempo de solidariedade, de axuda e de entrega. Encaixa ademais con inicio do Proxecto de Centro deste ano: DSO (desexo), centrado en dous dos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible (ODS) que propón a ONU de cara ao ano 2030: «Fin da pobreza» e «Fame cero». Un proxecto cunha finalidade académica ao teren que calcular os alumnos as cantidades recollidas cada semana e o aumento paulatino que supón no común de todo o colexio. O obxectivo marcado este ano é acadar uns 500 quilos e 500 litros, debendo facer todos a seu pequeno aporte para logralo.