A Memoria Histórica da Guarda

O pasado martes 2 de novembro os alumnos de 4º ESO, na súa hora de Historia, asistiron a unha conferencia, no propio centro, sobre o Campo de Concentración que houbo en Camposancos durante a última Guerra Civil española (1936-1939). A charla foi impartida por varios membros da Comisión pola Memoria Histórica da Guarda, liderada polo ex alcalde e tamén ex alumno do colexio Xosé Manuel Domínguez Freitas. Un dos momentos máis emotivos foi cando o propio Freitas recordou o papel xogados polos homes –e sobre todo as mulleres– da Guarda que se ofreceron a coidar e dar atención aos presos (a maioría presos republicanos da fronte norte da guerra), lavándolles a roupa, levándolles comida ou dándolle saída á correspondencia para os seus familiares. Tamén debemos destacar a mención á fosa común de Sestás, hoxe xa dentro do cemiterio da Guarda, que foi recuperada na década de 1980 como lugar de homenaxe aos fusilados naquel lugar.

Os alumnos de 4º da ESO estiveron moi atentos aos conferenciantes e tiveron unha participación moi activa na rolda final de preguntas.