Proxecto Revirando

A etapa de EPO desenvolve durante este curso o seu proxecto interdisciplinar “REVIRANDO”. Trátase da organización dunha carreira/andaina de carácter inclusivo e solidario, na que se traballan accións de carácter social.

Durante varias xornadas, o alumnado agrupouse en equipos de diferentes idades. De forma cooperativa tiveron a responsabilidade de participar na organizaciónda carreira: instancias a organismos, deseño de logos, percorrido, carteis e vídeos, recoñecemento da accesibilidade do circuíto, foron algunhas das actividades realizadas.

O proxecto ábrese ao público en xeral e, desta maneira, familias e outros colectivos poderán formar parte desta xornada solidaria e reivindicativa o día 17 de marzo.

Todo aquel e aquela que o desexe poderá inscribirse nalgunha das dúas modalidades que se ofrecen: andaina ou carreira.

En liña de meta teremos diversas actividades que darán visibilidade a diferentes colectivos, das cales destaca a visita do Club AMFIV de Vigo. Será o terceiro ano que visite a nosa vila, creando un gran vínculo entre este clube e a nosa comunidade educativa.

Só nos queda invitarvos a participar nesta carreira, que facemos con toda a nosa ilusión e coa intención de pór en valor a inclusión no noso día a día.

Esperámosvos… REVIRANDO A Guarda!!!