Este venres 11 de febreiro de 2022 os alumnos do Colexio PP. Somascos da Guarda – Fundación Educere conmemoraron o día do seu padroeiro, San Xerome Emiliani, coa tradicional “Busca do Tesouro”. Os alumnos de Infantil e Primaria (ata 5º) buscárono pola mañá e os da ESO e 6º de EP durante todo o día –con subida ao monte Santa Trega incluída– ata o solpor. Despois dun ano sen celebrarse, por mor da pandemia, os Somascos volveron así a saborear a actividade sen dúbida máis esperada do ano, que segue marcando a xeracións de mozos e mozas da Guarda e a súa contorna.
A maxia do tesouro dos Somascos, ben coñecida por todos os guardeses, víase reflexada nos ollos dos participantes correndo polas rúas e camiños do Concello, poñendo en práctica valores tan esenciais para as súas vidas como o compañeirismo, a paciencia, a resistencia, a forza de vontade ou a astucia. Unha maxia plasmada nas palabras que o día antes unha alumna de 4º da ESO lle dicía ao seu irmán de 6º de EP que ía participar por vez primeira: “Vas a vivir unha das experiencias máis bonitas e importantes da túa vida”.