O VÍA CRUCIS DE SEMANA SANTA (22 de marzo)

O venres 22 de marzo, o Colexio PP. Somascos da Guarda – Fundación Educere culminou o período de Coresma coa celebración dun Vía Crucis no que participou todo o alumnado do centro. Os máis pequenos, os de Educación Infantil, fixérono visitando o Vía Crucis do P. Vidal, unha maqueta do Gólgota que está na salón de entrada do colexio. O alumnado de Educación Primaria realizou o antigo Vía Crucis que existe na rúa do Calvario e que remata na Praza da Guía. Saíu en tres quendas ao longo da mañá, e loxicamente, os rezos das diferentes estacións realizáronse en presenza dalgúns veciños/as e viandantes do lugar.Finalmente, o alumnado de Educación Secundaria protagonizou unha experiencia histórico-relixiosa ao facer o Vía Crucis do monte Santa Trega que este ano cumpre o seu centenario. Antes de partir, baixaron todos á aula de psicomotricidade para visualizar unha presentación sobre a historia deste artístico viacrucis que a Sociedade Pro-Monte iniciou en 1924 e rematou en 1940. A continuación, houbo un tempo para confesións na capela, e ao remate del, subiron os catro cursos ata o monte onde o P. Vidal dirixiu a oración polas catorce estacións. A xornada rematou cunha convivencia no entorno do obelisco, que foi moi tranquila dada a fatiga pola calor desta xornada. Resultou ser unha fermosa experiencia ver rezar aos nosos/as alumnos/as polos diferentes calvarios da localidade.