Día de Rosalía

Este mércores 23 de febreiro os alumnos do Colexio PP. Somascos da Guarda – Fundación Educere conmemoraron o Día de Rosalía de Castro con varios obradoiros. En Educación Infantil decoraron as flores preferidas da autora e os seus paxariños piadores, que colocaron despois nunha árbore. En Primaria traballaron a súa figura histórica e literaria, elaborando nalgúns casos marca páxinas conmemorativos. Houbo incluso unha versión adaptada pola profesora de música María do poema: “Un gaiteiro repoludo”, cantada polos cursos de 4º EP e 4º ESO. Os alumnos de 4º EP desfrutaron tamén dun obradoiro ofertado polo Concello da Guarda a cargo das artistas Irene Silva e Fátima Granxa, que ofreceron un recital de poemas de Rosalía interpretados con diferentes ritmos musicais, tales como rap, rock ou rancheiras.

Ao final regalaron unha artística “árbore da lingua”, feita de cartón, para que quedase no colexio e se pegasen nela os paxariños piadores e cantareiros feitos polos alumnos, así como outros elementos da obra de Rosalía que se traballen no resto do curso. Finalmente os alumnos da 4º ESO levaron a cabo un obradoiro xa planificado sobre Rosalía e a súa conexión coa Creación –achegándose así ao lema do centro deste ano–, buscando para elo en todos os seus versos elementos alusivos á dita Creación coma o sol, auga, terra, mar… plasmados logo nun cartel xigante que quedou á vista de todos.