A conmemoración xa empezara días antes coa creación de carteis informativos, un por curso, en total catorce, onde quedaron recollidos o estudo e investigacións do noso alumnado sobre tradicións, festas e folclore da contorna, tratando de emular a faceta de etnógrafo de Antón Fraguas Fraguas, figura homenaxeada este ano 2019.

Nesta xornada, o alumnado pegou os seus traballos nun cartel xigante formando así a bandeira de Galicia; a actividade tivo como título “Hoxe son etnógrafo” e serviu de fondo para decorar o noso patio durante os festexos deste día, posto que se levaron a cabo neste sitio obradoiros da man de Piueiro.

Rematou a mañá cun festival no que se leron os nomes dos alumnos e alumnas premiados no certame da vila, que organiza a Agrupación Cultural Guardesa, e tamén recolleron a seus agasallados os nenos e nenas premiados no certame do colexio: Xosé Carlos Gómez Alfaro.

A Real Academia dedícalle o Día das Letras a este estudoso polo rigor e compromiso coa cultura, folclore, tradicións e costumes galegas.
Naceu Antón Fraguas Fraguas o 28 de decembro de 1905 na vila pontevedresa de Cotobade. Foi antropólogo, xeógrafo e historiador. Sendo estudante de bacharelato tivo como profesores a Castelao e Losada Diéguez entre outros. No instituto xa fundou a Sociedade da Lingua para a defensa do noso idioma e para a elaboración dun dicionario.
Formou parte do Seminario de Estudos Galegos. Tamén foi membro do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, do que chegou a ser director da Sección de Etnografía e Folclore.
En 1951 entrou a formar parte da Real Academia Galega, ocupando o posto de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e dirixiu o Museo do Pobo Galego ata o seu falecemento en 1999.