“EXPLORANDO SONS E LETRAS: UNHA XORNADA CREATIVA DE AUDICIÓN E LINGUAXE CON PEDAGOXÍA TERAPÉUTICA”
Malia que a adquisición da fala é un proceso natural, non todos os nenos/as o viven do mesmo xeito nin ao mesmo ritmo, por razóns diversas.
É por isto que, para exercitar o aparato fonador no intento de acadar unha correcta articulación, desenvolvemos diversas dinámicas co noso alumnado –de probada eficacia na solución de problemas e na prevención destes-. Nesta que describimos de seguido, os nenos embárcanse nunha serie de exercicios de sopro trazando un camiño cara ao descubrimento e a mellora de habilidades fundamentais:
- Soprar, cunha palliña, pingas de pintura de xeito que se despracen por un folio (así, trabállase o aparato fonador e promóvese o fortalecemento da musculatura).
- Soprar unha vela para exercitar o control respiratorio, fundamental para regular a cantidade de aire precisa para a produción verbal.
- Sopro de pompóns, cunha palliña. Deste xeito, trabállanse a coordinación e a forza muscular.
- No amplo abano de atención á diversidade, vese tamén a unha alumna TEA (Trastorno do Espectro Autista) noutra fase da aprendizaxe, traballando as sílabas e a mellorar a súa habilidade para asociar as letras maiúsculas coas súas respectivas letras minúsculas.
Todas estas instantáneas capturan a esencia do noso enfoque educativo, que abraza a diversidade e celebra o progreso individual. Cada sopro convértese nun paso cara ao crecemento e o desenvolvemento, no que o noso alumnado aprende… e celebra cada logro entre risas e emoción!




