O pasado martes 20 de febreiro de 2024 os alumnos do Colexio PP. Somascos da Guarda – Fundación Educere protagonizaron a tradicional «Busca do Tesouro», o día máis grande do colexio de todo o curso escolar, caracterizado pola mestura de intelixencia, esforzo físico, habilidade e tecnoloxía. Nin que dicir ten que estamos ante a actividade máis esperada do ano, que segue marcando a xeracións de mozos e mozas da Guarda e a contorna ao converterse nun recordo inesquecible para todos eles. Os alumnos de Educación Infantil e Primaria (ata 5º) buscaron o tesouro pola mañá e os da ESO e 6º de EP durante todo o día, coas consabidas subidas ao monte Santa Trega e moitas probas e enigmas que resolver. Este ano a meirande parte das pistas atopábanse no casco urbano polo que maxia do tesouro volveu inundar as rúas e camiños do Concello guardés, tinguindo o día de cores e emocións para deleite de toda a veciñanza. A novidade principal desta edición foi que o tesouro non estaba coma sempre no patio do colexio senón na Praza do Reló, demorándose a súa apertura nun trepidante final que os alí presentes viviron con moita emoción. Parabéns aos organizadores Meme e Rodri por todo o traballo de preparación e xestión realizados. Un ano máis un éxito rotundo.













