DÍA DE SAN XEROME EMILIANI (8 de febreiro)

Este xoves 8 de febreiro de 2024 o alumnado e o profesorado do Colexio PP. Somascos da Guarda – Fundación Educere conmemorou o día do seu padroeiro San Xerome Emiliani. Todo comezou as once da mañá cunha eucaristía en honor ao Fundador, que este ano, debido ás adversas inclemencias do tempo, se celebrou na capela do colexio, e non na igrexa parroquial como viña sendo costume. O certo é que ao final coubemos todos, aínda que houbera que arrimarse un pouquiño. Foi moi emocionante volver a ver a todos os alumnos dos Somascos participando e cantando nesta pequena capela, como antes o fixeran as xeracións que os precederon. Presidiu a misa o P. Luis, acompañado polo P. Vidal. Na homilía o P. Luis recordou os tres piares espirituais que San Xerome lles transmitiu aos nenos e nenas abandonados que foi acollendo en vida, así como aos seus seguidores os PP. Somascos: oración, traballo e caridade. Pechouse a cerimonia co himno: “Un alegre canto”, baixo a dirección de María e o acompañamento musical de María José, os profes Jairo (guitarra), Guillermo (saxofón) e as Yolis (clarinete), e tres alumnos de 3º ESO con frauta doce.

Ao rematar o acto litúrxico, a comunidade somasca (P. Airas, P. Luis e P. Vidal) ofreceu aos alumnos e profesores un chocolate con churros, que fixo as delicias de todos. Finalmente, dado o forte temporal que estaba caendo, rematouse a xornada festiva con varios xogos polas zonas interiores do colexio.