Este luns 4 de decembro o Colexio PP. Somascos da Guarda – Fundación Educere inicia a tradicional «Operación quilo-litro», isto é, a súa campaña anual de recollida de alimentos e produtos de hixiene, e tamén –como novidade este ano– de roupa, para os máis vulnerables da nosa sociedade. Esta campaña, realizada en colaboración coa Asociación San Vicente de Paúl, é un sinal de identidade do noso colexio, arrancando sempre en paralelo ao Advento, un tempo litúrxico de preparación para o nacemento de Xesús; un tempo de solidariedade, de axuda e de entrega. Encaixa ademais cos Obxectivos do Desenvolvemento Sostible (ODS) que propón a ONU: «Fin da pobreza» e «Fame cero». Sen dúbida a nosa comunidade educativa amosará un ano máis a súa habitual xenerosidade social, proxectada nesa imaxe diaria dos nenos e nenas portando, cun sorriso nos beizos, ese paquetiño de arroz ou ese cartonciño de leite.

