Somascos a guarda

IMG 20170509 WA0001 Carlos Casares1

A Real Academia Galega adícalle o Día das Letras deste ano aCarlos Casares Mouriño. Este escritor naceu en Ourense o 24 de agosto de 1941. Pasou a súa infancia na vila ourensá de Xinzo de Limia xunto cos seus pais Francisco e Manuela e os seus dous irmáns. Estudou Humanidades no Seminario de Ourense, estudos que abandonou para facer o bacharelato por libre o que lle deixou tempo para asistir ao faladoiro do galeguista Vicente Risco no Café Parque, da capital ourensá.

Continuou os estudos de Filoloxía na universidade de Santiago de Compostela. Durante este tempo publicou relatos na revista Grial e, en 1967, publicou na Editorial Galaxia a súa primeira obra, «Vento ferido». Entrou na Real Academia Galega no ano 1978, sendo daquela o membro máis novo de todos eles. Participou en política chegando a ser membro do primeiro parlamento galego. Grazas ao seu traballo, xunto ao doutros parlamentarios, aprobouse a Lei de Normalización Lingüística e a creación do Consello da Cultura Galega.

Foi director da Editorial Galaxia e da revista Grial, ademais de ser un prolífico escritor. Foi o gran precursor da literatura infantil en galego coas obras «A galiña azul» e «As laranxas máis laranxas de todas as laranxas». Casou con Kristina Berg, de nacionalidade sueca, coa que tivo dous fillos: Hakan e Christian. Carlos Casares faleceu en Vigo o 9 de marzo de 2002.